PostHeaderIcon A chave de Ferrolterra







Na zona de Ferrol a Chave ten unha soa pa (ou aspa), con forma de dobre lingüeta vertical, que vira sobre dun eixo horizontal apoiado nunha forquita. A Chave mide 52 cm de alto (23 cm de forquita e 29 do espeto que vai ao chan). A forquita tén un vao (de 20 cm) entre gallas (de 4 por 2 cm de ancho) no que vira a pa (de 36 cm de longo por 8 cm de ancho).

Xógase con cinco pellos de 8 cm de diámetro por 2 cm de espesor, cun peso de 750 gr.

A liña de lanzamento está situada a 10,5 m da Chave, en paralelo a esta.

As normas polas que se rexe este deporte tradicional na comarca de Ferrolterra son:

- Xógase en equipos de tres xogadores/as.

- Cada persoa pode ter os seus pellos, que deberán ser iguais.

- Mentres unha persoa lanza, outra do seu equipo estará situada a carón da Chave, para colocar esta na posición que máis lle conveña ao seu compañeiro/a; tamén para recoller os pellos cando lle toque lanzar.

- Cada xogo consta de dúas partidas e cada partida vai a seis mans, lanzando cada xogador/a cinco pellos en cada man.

- Establécese unha orde para os lanzamentos.

- Os equipos lanzarán alternativamente cinco pellos unha persoa dun equipo e despois outros cinco outra persoa do outro equipo. Non se pode mudar a orde de lanzamento. Non se pode pisar a liña de lanzamento. Para que unha chave sexa válida, a pa terá que dar unha volta completa.

- Se o pello rebota no chan, non será válida a chave; pero será válida se o pello bate en calquera parte do armazón e despois fai virar a aspa.

- Cada chave lograda vale un punto. Se houbese empate, seguirían lanzando mans iguais ata desempatar.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog