26 dic 2010

A goma







Para o xogo da goma precísase unha goma elástica de polo menos tres metros de lonxitude. Átanse os dous cabos e xa temos a goma preparada para xogar. Por veces débese saltar a goma, outras veces debémola prender cos pés, estirala e cruzala, outras veces debemos pisala.

Para comezar, dúas persoas colócanse unha fronte á outra, mantendo a goma tensa. Suxeitarán a goma con diferentes partes do corpo, a diferentes alturas do chan, tendo as dúas partes da goma paralelas entre si e paralelas ao chan.

O terreo de xogo a ser posible será liso. Cando se erra en calquera fase do xogo débese ceder o posto á seguinte persoa; cando volva xogar, farao na fase na que errara anteriormente.

Podemos comezar xogando con diferentes alturas, do seguinte xeito:

  • Primeiras: tendo a goma asegurada polos nocellos.
  • Segundas: coa goma detrás dos xeonllos.
  • Terceiras: coa goma na cintura.
  • Cuartas: coa goma nos sobacos.
  • Quintas: coa goma na caluga.
  • Sextas: coa goma agarrada polas mans en alto por encima da cabeza.

Para complicar o xogo podemos seguir indicando o xeito como debemos saltar: libremente, saltar e deixar os pés quietos ao caer, saltar e caer cos pés xuntos, saltar e caer á pata coxa, saltar cun ollo tapado ou cos dous, saltar a goma que se fai tremer, saltar sen rir, aguantando bromas.

O REMUÍÑO: Comézase tendo a goma na cintura, que sempre se debe agarrar coas mans ao tempo que se salta cos pés. Éntrase por un lado da goma, dicindo “re” (quedando cun pé dentro e outro fóra). Continúase dicindo “mu” (caendo cos dous pés dentro). De seguido dirase “i” (quedando cun pé dentro e o outro fóra polo outro lado ao que se entrara). Remátase dicindo “ño” (deixando os dous pés fóra da goma, polo lado contrario ao que se comezara).

CHOCOLATE: Sáltase á vez que se din as catro sílabas da palabra e colocando os pés do seguinte xeito: “cho” (un pé dentro e outro fóra), “co” (os dous pés dentro), “la” (un pé dentro e outro fóra polo lado contrario ao do comezo) e “te” ( os dous pés fóra polo lado que non se comezara).

Vanse variando as alturas.