PostHeaderIcon A corda







Dentro do extenso abano de variantes que ten este xogo, podemos realizar:

- “O reloxo que dá a hora”. As persoas que dan, van dicindo “Unha vez, unha hora” (todo o mundo terá que saltar unha vez e saír). “Dúas veces, dúas horas” (todo o mundo terá que saltar dúas veces e saír). Así seguirán ata saltaren seis veces seguidas.

- “A barca”. Para saltar á barca precísanse dúas persoas que dean á corda e, como mínimo outra que salte. O adival que se precisa debe ser algo longo e as persoas que dan estarán afastadas polo menos tres metros entre elas. A barca dáse cun movemento pendular do brazo, á esquerda e á dereita, trasmitíndolle á corda esta oscilación. A corda desprázase lentamente cun vaivén, sen chegar a describir tan sequera medio círculo. A persoa que chouta colócase mirando cara a unha das que dan; evitará que a corda lle toque nos pés ou nas pernas, dando saltos laterais á esquerda e dereita, alternativamente.

PostHeaderIcon A chave de Santiago







En Santiago, a distancia entre a base da chave e a liña de lanzamento será de 14,20 metros, debéndose situar quen lanza os pellos, por tras da liña.

A chave será unha peza de ferro en forma de punta de lanza rústica ou lingua, que remata estreitándose na súa base.

Os pellos serán redondos e planos, alisados polas dúas caras, debendo ter de 500 a 550 gramos de peso.

En cada partida han participar obligatoriamente catro persoas, emparelladas dúas e dúas. Cada unha lanzará dous pellos por tirada. Os pellos que non atinen na chave hanse contabilizar por tantos (cada pello un tanto) por proximidade coa chave.

A puntuación oficial de cada partida é de 100 tantos. Cada pello que golpee na chave terá gañado un valor de 8 tantos, tendo que ser o lanzamento directo, sen rebotes nin ter petado antes no chan ou no cepo. Non é preciso derrubar a chave para contabilizar unha diana; abonda con rozala. Só se contabilizará cando o pello golpee directamente sobre a chave e esta sexa derrubada cara atrás.

O sistema de anotación consiste en descontar os tantos conseguidos dos acadados pola persoa do equipo contrario. No caso de empate tirarán novamente, comezando a parella que tivese máis tantos.

Observarase unha conduta correcta de deportividade e respecto cara ás persoas do equipo contrario, nomeadamente no momento de lanzar os pellos, debéndose separar como mínimo 2 metros e manténdose fóra da liña de lanzamento en silencio.

Do mesmo xeito, quen estea colocando a chave gardará unha distancia semellante e non fará xestos nin movementos que poidan distraer ou molestar á persoa que lanza.

PostHeaderIcon A chave de Ourense







En Ourense xógase coa chave de pas horizontais. É un obxecto de ferro cun eixo groso duns 75 cm de lonxitude. Na parte superior leva unha, dúas ou tres aspas (ou asas), que viran en sentido horizontal; son de diferente lonxitude, situándose a máis pequena arriba e a máis grande abaixo. O eixo, polo extremo contrario está afiado, para poder espetalo no chan. Os pesos miden 6 cm de diámetro e 18 mm de groso.

O terreo de xogo é unha explanada de 20 m de lonxitude. A liña de lanzamento está situada entre 20 e 30 pasos da Chave. As normas básicas polas que se rexe o xogo en Ourense son:

- Normalmente xogan dúas ou tres parellas, aínda que pode xogar só unha. Cada persoa lanza catro pesos en cada man do xogo.

- As partidas xóganse a un número de xogos acordado de antemán, tendo 60 tantos cada xogo (30 de malas e 30 de boas).

- Os tantos conséguense por bater nas aspas ou por proximidade ao eixo.

- Cada vez que se bate nas aspas súmanse 8 tantos e súmase un punto polo peso máis próximo ao eixo.

- En cada quenda de lanzamentos, os tantos iguais de ambos/as xogadores/as anúlanse; tan só se anotan os tantos excedentes, se é que os houbese. En cada quenda pódense anotar 8 ou 16 puntos de Chave (por bater nas aspas) e 1 por achegamento ao eixo. Se alguén bate cos dous pesos fai unha “xemelga”.

- Se o/a contrario/a bate só unha vez, contabilizará 8 puntos e 1 punto quen deixara o peso máis próximo ao eixo.

- Cando ninguén bate nas aspas poden anotar dous puntos (se os dous pesos dunha mesma persoa quedan máis próximos ao eixo) ou ningún (cando un peso de cada xogador/a está máis próximo ao eixo).

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog