A ra
É un xogo para practicar nun espazo aberto e en calquer época do ano. Trátase dun xogo de precisión que pertence os tradicionalmente chamados “de burro”. Consiste no lanzamento duns discos metálicos (pellos), dende unha distancia marcada (que oscila entre 2 e 3 metros) a unha caixa con cinco furados, dúas argolas, un moíño e unha rá, sendo o obxectivo do xogo introducir os pellos na boca da rá ou –no seu defeito- por algún dos outros furados da mesa. En función de onde se metan os pellos haberá variacións na puntuación.
Os elementos básicos do xogo son a mesa de rá e oito fichas ou discos de ferro (pellos). Serán redondas de 38 mm. de diámetro e de 60 gramos de peso. A mesa da rá debe ser preferentemente de madeira co fin de evitar ruidos. Pódese utilizar outros materiais como o ferro. A mesa poder ter dez furados, algúns deles con obstáculos. As dimensións da mesa son:
- Altura: de 80 cm. a 1 metro.
- Largo e ancho: 50 x 50 cm.
Os equipos estarán formados por seis xogadores/as, catro deles titulares e dous reservas. Cada xogador/a lanzará oito fichas ou discos por tirada. Todas as persoas compoñentes do equipo efecturarán os lanzamentos seguidos.
Os lanzamentos á boca da rá realizaránse á distancia de tres metros e medio. Ésta poderá ser reducida especialmente aos xogadores/as máis novos/as. As partidas xogaránse a dez tantos, contabilizándose cada vez que se introduce unha ficha na boca da rá, un tanto.
Xógase cun determinado número de pellos (habitualmente 8 ou 10) e de voltas. As puntuacións que se otorgan aos diferentes obstáculos que aparecen na mesa son: Rá: 50 puntos, Moíño: 25 puntos, Argolas: 10 puntos, Furados: 5 puntos. Nalgúns lugares varía a puntuación.
Todas as persoas xogadores/as usarán as mesmas fichas e mesa durante a partida. Se unha ficha lanzada por un/ha xogador/a quédase na boca da rá, non se considerará tanto válido ata non ser introducida polo mesmo xogador, coa axuda doutra ficha.
Respetarase a orde de saída. As persoas participantes que comencen os partidos deben terminalos, salvo en caso de lesión, sendo descalificado o equipo que non cumpla esta norma.
Durante o desenvolvemento da partida, poderá alterarse a orde de tirada entre as persoas compoñentes dun mesmo equipo, sempre que ao final da mesma, todos lanzaran o mesmo número de fichas.
Pódense organizar partidas en forma de liga. Nestas competicións o equipo gañador (ou xogador/a ganador/a se é individual), concederáselle dous puntos. Se a partida termina en empate, un punto a cada un.
En campionatos oficiais non se admitirán mesas de rá que teñan “molinitos”, pontes, etc., sendo soamente válidas as que presenten a rá reglamentaria. En campionatos, torneos, as persoas participantes non deberán aportar diñeiro nin recibilo, aconsellando a extensión desta norma a todas as partidas amistosas.
O equipo arbitral estará composto por un/ha Xuíz árbitro e un/ha Xuíz anotador/a, que irá recollendo nas actas as incidencias da partida. Deberán levar un brazalete ou outro distintivo que os/as acredite como tal.
A porca
Trátase dun xogo moi estendido, con elementos semellantes ao jockey ou ao golf, deportes popularizados moito despois da existencia da porca (tamén chamada Pino ou Cachona nalgunhas zonas).Foi un xogo infantil, xogado no inverno, mentres se coidaba do gando.
Os elementos do xogo son un pau da porca (caneira, cacheira, moca), feito tradicionalmente de uz, de catro a seis cuartas de lonxitude, e unha bóla (porca, pino), feita de madeira dura e de seis a doce centímetros de diámetro. O campo de xogo ten que ser aberto, con tantos buratos (nichos) como participante haxa, repartidos en circo arredor dun grande burato central (cortello).
O xogo consiste en que o/a porqueiro/a ten que tentar introducir a porca no cortello, mentres o resto tentará afastala canto máis lonxe poida. Se a conseguise introducir, ao berro de: “Hai trocos”, todo o mundo deberá trocar de nicho, momento no que o/a porqueiro/a tentará apoderarse dun destes buratos, ben introducindo a súa moca ben un pé, e deixándolle o seu posto á persoa que ficara sen el. Tamén pode roubarlle o nicho a quen, por saír a atacar ao/á porqueiro/a, deixa abandonado o seu burato.
Pódese xogar á porca de distintas maneiras. Unha delas é aquela na que no principio da partida, o/a porqueiro/a, colocado/a a carón do cortello, bate coa moca na porca, guindándoa o máis lonxe posible. O resto tentará introducir a porca no cortello. Quen o consiga substitúe ao/á porqueiro/a. Outra variante consiste en facer dous equipos de entre 3 e seis persoas con sendos cortellos, que deberán defender evitando que o equipo contrario introduza nel a porca. Gaña o equipo que consegue meter a porca no cortello do equipo contrario o maior número de veces.
XOTRAMU
Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.
Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.
Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.





