PostHeaderIcon O peón







O peón, tamén chamado trompo, buxaina, bailarete, sevillana… é un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro (o ferrón) que fai que vire con xeito.

Para poder practicar este xogo, precísase tamén dunha piola, unha corda que se amarra arredor do enredo que fará posible o baile do peón. A parte de arriba chámase “pirucho” e a máis ancha é a “barriga”.

Para decidir quen empeza a xogar pódese botar a sorte da “raia”, que consiste en lanzar o peón cara unha raia. A orde de colocación para empezar dependerá da distancia á que quede cada peón desa raia, sendo o primeiro o que estea máis próximo. Existen moitas posibilidades que se acostuman facer cos peóns; entre elas temos:
  • “O canciño”: báilase o peón e condúcese colocando a piola arredor do ferrón e xuntando os dous cabos nas mans para facilitar o desprazamento do xoguete.
  • “O ascensor”: báilase o peón e fáiselle un lazo coa piola arredor do ferrón. Sen que deixe de bailar cóllese a piola polos dous cabos e afíncase dela cara arriba levantando o peón no aire e recolléndoo bailando na cunca da man, sen que chegue a caer ao chan.
  • “Bailar na man”: báilase o peón e tómase na palma da man, introducíndoo entre os dedos furabolos e o máis grandiño, tentando que baile na cunca da man o maior tempo posible.
  • “A serra”: báilase o peón e colócase a piola arredor del, collida cunha man polos dous cabos e pola dobrez coa outra. Axústase o máis posible ao ferrón e levántase no aire, facendo que o peón vaia dun extremo ao outro da piola.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog