PostHeaderIcon Os pelouros







Precisamos para xogar cinco pelouros (pedras lisas e redondeadas).

Primeiro, a persoa que empeza lanza os cinco pelouros ao aire e tenta coller un, que será “a coutadeira”.

Despois lanza esta ao aire e tenta coller un pelouro do chan; sucesivamente fará o mesmo cos outros tres.

En terceiro lugar lanzará a coutadeira ao aire e collerá dous pelouros do chan; fará o mesmo cos outros dous que quedaban.

De seguido fará o mesmo collendo tres e despois o último.

Para rematar, tentará coller os catro pelouros á vez. Cando se falla, pásase a vez.

PostHeaderIcon O peón







O peón, tamén chamado trompo, buxaina, bailarete, sevillana… é un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro (o ferrón) que fai que vire con xeito.

Para poder practicar este xogo, precísase tamén dunha piola, unha corda que se amarra arredor do enredo que fará posible o baile do peón. A parte de arriba chámase “pirucho” e a máis ancha é a “barriga”.

Para decidir quen empeza a xogar pódese botar a sorte da “raia”, que consiste en lanzar o peón cara unha raia. A orde de colocación para empezar dependerá da distancia á que quede cada peón desa raia, sendo o primeiro o que estea máis próximo. Existen moitas posibilidades que se acostuman facer cos peóns; entre elas temos:
  • “O canciño”: báilase o peón e condúcese colocando a piola arredor do ferrón e xuntando os dous cabos nas mans para facilitar o desprazamento do xoguete.
  • “O ascensor”: báilase o peón e fáiselle un lazo coa piola arredor do ferrón. Sen que deixe de bailar cóllese a piola polos dous cabos e afíncase dela cara arriba levantando o peón no aire e recolléndoo bailando na cunca da man, sen que chegue a caer ao chan.
  • “Bailar na man”: báilase o peón e tómase na palma da man, introducíndoo entre os dedos furabolos e o máis grandiño, tentando que baile na cunca da man o maior tempo posible.
  • “A serra”: báilase o peón e colócase a piola arredor del, collida cunha man polos dous cabos e pola dobrez coa outra. Axústase o máis posible ao ferrón e levántase no aire, facendo que o peón vaia dun extremo ao outro da piola.

PostHeaderIcon O pano







Podemos xogar a puntos e sen que ninguén quede eliminado/a; cando todas as persoas saen unha vez, os equipos numéranse de novo e o xogo seguirá ata que un equipo chegue a 20 puntos. O xeito de puntuar sería:

  • Coller o pano e fuxir con el cara á liña de partida, sen que me pillen (1 pto).
  • Deixar que a outra persoa colla o pano e pillala antes de que chegue á súa raia de saída (2 ptos).
  • Coller o pano e fuxir cara á liña do equipo contrario (3 ptos).
  • Facer que a persoa do equipo contrario invada o meu campo sen pillar o pano (4 ptos).

PostHeaderIcon O inspector que todo o ve








A través deste xogo podemos desenvolver a atención, a memoria e a agudeza visual.

Poden xogar ao inspector que todo o ve entre catro e vinte persoas.

Para xogar, primeiro hai que elixir ao chou a unha das persoas que será a que faga de “inspector que todo o ve”; o resto deben sentar en círculo de xeito que no centro se amontoen varios obxectos. O inspector ten un par de minutos para intentar memorizalos, despois sae da habitación. Entón un dos participantes colle un dos obxectos, gárdao e os demais berran “socorro, socorro”. Ese é o sinal para que o inspector volva e averigüe, mediante a observación, cal é o obxecto que falta e quen é o “ladrón” que, unha vez descuberto, pasará a ser inspector.


PostHeaderIcon O gato e o rato

.






Colocámonos en círculo, coas mans collidas, agás dúas persoas: unha que persegue (“o gato”) e outra que fuxe (“o rato”). O rato debe entrar e saír do círculo, pasando entre os/as compañeiros/as, sen que o pille “o gato”. Se o pilla, xogarán outras dúas persoas despois. Cando todas rematen, as mesmas parellas cambiarán de “papel”.


PostHeaderIcon O ferrón







O ferrón e un pedazo de ferro en forma de rosca de pan, con un burato no medio, co que se tira a unha distancia onde está chantado un clavo na terra, que ten descuberta só a cabeza. O obxectivo básico do xogo é conseguir poñer o ferrón dentro da cabeza, ou o máis cerca que se poida.

1. Elementos do xogo:
  • Pau: chantado na terra verticalmente 1 metro
  • Ferradura

2. Xogadores:
  • Un equipo compónse de tres xogadores/as e dúas persoas suplentes.
  • Poderán efectuarse dous cambios durante a celebración da partida.
  • Para que o equipo inscrito poida participar, terán que atoparse no terreo de xogo, ao menos tres xogadores/as.
  • Podénse celebrar partidas individuais.

3. Forma de xogo:
  • Cada xogador/a tira a peza ou ferradura 10 veces.
  • O xogo consiste en lanzar a ferradura, co fin de introducila dentro do pau, tendo en conta as características especiais que posee a ferradura en canto a súa forma e abertura.
  • A forma de puntuar é da seguinte forma: 5 puntos no ferrón, 2 puntos na primeira circunferencia e 1 na segunda máis grande.
  • A distancia a lanzar a ferradura será de 12 metros.
  • A orde de tirada establécese mediante sorteo, antes de comezar a partida.
  • Gañará a partida o equipo que teña maior acerto nos seus lanzamentos.

4. Xuíces:
  • O xogo arbitral estará formado por un/ha xuíz árbitro e un/ha xuíz anotador/a.
  • Ditos árbitros/as levantarán acta das incidencias e resultados da partida.

5. Competicións:
  • Pódese organizar competicións. Dándose neste caso dous puntos ao equipo gañador e unha ao equipo perdedor.
  • Tamén se pode organizar competicións en forma de eliminatoria, sendo eliminado equipo perdedor.

PostHeaderIcon O aro







Empezaremos falando dos nomes dos utensilios do xogo (o aro e a guía). Seguiremos explicando como coller a guía para que o aro poida rodar.

Despois procuraremos que as persoas que xoguen sexan capaces de manter o aro en equilibrio mentres se desprazan.

Para as persoas que xa consigan que o aro xire, marcaremos un percorrido circular con algunha curva polo medio, ou tamén con algún obstáculo. Por último, para as persoas que dominen o xogo podemos facer unha proba por tempos, na que deben pasar un itinerario establecido previamente e facelo no menor tempo posible. Se alguén se sae do circuito marcado, terá que comezar de novo. Antigamente xogábase cunha llanta de bicicleta facendo de aro e un ferro dobrado nas veces de “guía”.


XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog