PostHeaderIcon Birlos ao canteiro







Precisamos dúas ou máis bólas, construídas de madeira dura e de un a tres quilos de peso; son esféricas, duns 15 cm de diámetro. Tamén –cando menos- 7 birlos; éstes terán entre 7 e 10 cm de altura, torneados con unha soa cara de apoio e coa outra en forma de lámpada eléctrica.

O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca a zona de lanzamento (Fite), a liña de 10 m e a liña de 15 m (medidos desde a Lastra).

Interveñen cando menos dúas persoas que xogan enfrontadas, aínda que poden participar catro ou máis, por parellas ou equipos. Colócanse os sete birlos enriba dunha laxe dura (Lastra), que está situada a ras do chan.

Quen lanza ponse no Fite, que está colocado a 3-5 metros da Lastra e arrebola a bóla contra os birlos, tratando de derrubar o maior número posible. A puntuación, a modo sintético, obtense do seguinte xeito:

  • Aqueles birlos que non cheguen á liña de dez obteñen tres puntos cada un.
  • Os que pasen da liña de dez, dez puntos cada un.
  • Os que pasen da liña de quince, quince puntos cada un.
  • Porén, se a bóla non pasa da liña de dez, a persoa que lanzou nin suma nin resta puntos.

A segunda parte consiste no chamado “desquite”, que non é outra cousa que unha tirada desde a liña de 10 cara a lastra onde foron de novo colocados os birlos. Os birlos derrubados nesta tirada realizada do revés valen 3 puntos cada un, mais este lanzamento non se poderá realizar tampouco se a bóla non tivese ultrapasado a liña de 10 m no lanzamento inicial. Cando no lanzamento un xogador non puntúa, e no birle tampouco, o equipo perde a man e o contrario pasa a lanzar de primeiro.

As partidas acórdanse a sesenta puntos normalmente, e gaña a persoa, a parella ou o equipo que antes os acade. Pódese acordar a calquera outro número de puntos ou a un certo número de tiradas.

Actualmente, na Órrea (Riotorto-Lugo) son frecuentes as partidas dominicais, semana tras semana. Birlos e bólas, por outra parte, adoitan gardarse en sacos enterrados na terra, de domingo a domingo, para que non perdan peso.

PostHeaderIcon Brilé







Xogo moi coñecido, no que podemos empezar tendo unha persoa “brilada” por equipo, para axilizar o desenvolvemento do xogo; unha vez que “brilan” a alguén do equipo das persoas “briladas”, estas pasan a ocupar a zona de xogo que lles correspondería nun principio. Como variantes deste xogo podemos vivenciar:

  • Xogar con dous balóns.
  • As persoas que son briladas pasan a xogar co outro equipo.

PostHeaderIcon As sete e media







O número de participantes neste xogo é ilimitado. Para poder practicalo precisamos de varias moedas, pedras ou similares. Unha vez teñamos este material, debuxaremos o gráfico seguinte no chan e dende certa distancia marcada por unha raia, iremos lanzando moedas ata completar sete e media ou achegarse o máximo posible a esa cantidade. Cando unha moeda cae nunha raia, o seu valor é media.


PostHeaderIcon As lombas







Unha persoa cómbase, agachando a cabeza e flexionando o tronco; o resto colócase en fila, de fronte a esa persoa. O/a primeiro/a, á vez que salta dirá unha frase e fará un determinado tipo de movemento coas partes do seu corpo. As frases e as accións serán:

  • Á unha, saltar a mula (saltar pousando só as mans).
  • Ás dúas, salto e pégoche un couce (saltar dándolle cun pé no cu).
  • Ás tres, a Cruz de San Andrés (saltar e caer coas pernas abertas e brazos en cruz).
  • Ás catro, cuada que te parto (saltar e dar co cu no lombo do/da que apanda).
  • Ás cinco, maior ou menor brinco (saltar atrás ou diante do que indique a persoa que eva o xogo).
  • Ás seis, “meis” (saltar, beliscando no lombo).
  • Ás sete, cachete (saltar, dando unha palmada no cu a quen apanda).
  • Ás oito, pan viño e biscoito (saltar, dar co pé no cu e cuada no lombo).
  • Ás nove, abre o paraugas que chove (saltar, facendo que abrimos un paraugas).
  • Ás dez, estatuas unha e outra vez (saltar e quedar estáticos/as, sen tocarse entre sí).

PostHeaderIcon As chapas

Material : Taponciños de refrescos
Espazo: Terreo no chan no que se dibuxa un camiño con ou sen atrancos


Participan un máximo de seis xogadores e bótase sortes para ver que comeza. As chapas lánzanse dándolles un golpiño coas unllas para avanzar polo camiño que está marcado no chan.

Dependendo das idades, podemos realizar diferentes actividades coas chapas:
  • Os/as máis pequenos/as terán que pasar un camiño marcado no chan en forma de serpe (se alguén se sae do camiño non terá que volver ao principio).
  • Para os/as medianiños/as, estreitaremos o camiño (se alguén se sae do camiño terá que volver ao principio).
  • Para os/as máis grandes, colocaremos obstáculos no camiño (cárcere, pozo, areas movedizas, morte…); que caia nalgún destes obstáculos pasará unha, dúas, tres veces sen tirar ou mesmo volverá escomezar o xogo (se cae na morte, que será o peor dos atrancos).

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog