PostHeaderIcon Os comezos







Todo empezou hai xa uns anos, cando un dos membros de Xotramu, xogador de birlos da zona, se dispuxo a reconstruír xogos que só permanecían na memoria dos nosos maiores. Xuntámonos un grupiño entusiasta de amigos dunha pequena vila da provincia de Lugo (Muimenta) con moita ilusión por conseguir a recuperación desta parte da nosa historia. Fixemos un interesante e emocionante traballo de campo entrevistando á xente maior desta zona e doutros lugares, lemos libros recopilatorios de xogos tradicionais e así fomos descubrindo curiosidades como que en Galicia hai catro modalidades do xogo da chave, que existen diferentes regras para xogar ós birlos, que o mesmo xogo responde a distintos nomes según o lugar onde se practique: billarda, estornela…

Cada día que pasaba, medraba o noso entusiasmo e así foi como nos embarcamos na emocionante aventura de organizar unha Xornada de Xogos Tradicionais en Muimenta. Contabamos cunhas instalacións axeitadas (1500m2 de terreo do pobo no recinto onde se celebra cada ano Moexmu e maila Festa da Filloa), un grupo de xente implicada no proxecto e disposta a adicar horas da súa vida persoal a esta iniciativa e só nos faltaba a colaboración de xente con experiencia neste tema, xente que puidese asesorarnos.

Así foi como contactamos con Brinquedia e mais coa AGXPT e o que se ía quedar nuns xogos locais convertiuse na celebración dunha completa Xornada de Xogos Tradicionais na que se involucrou coa súa participación xente de distintas Asociacións de Galicia, Portugal e Asturias. Daquela seguiamos abordando con ilusión e entusiasmo o proxecto pero tiñamos outra dificultade: o custo económico que supoñía levar adiante unha iniciativa desta envergadura. Contamos coa aportación, na medida das súas posibilidades, da área de Cultura da Deputación de Lugo e da Fundación Terra Chá de Vilalba.

Coa metade do orzamento conseguido, fixamos como data da celebración o último fin de semana do mes de maio (2009) coa intención de trasladalo ó primeiro de xuño a partir do ano 2010. Xuntámonos ese día máis de 300 participantes e arredor de 4000 persoas que disfrutamos en Muimenta dunha xornada enriquecedora e inesquecible. Desde ese mesmo momento, cargados de ilusión e satisfacción polo éxito acadado, puxémonos mans á obra, e imaxinación tamén, para artellar Xotramu 2010. Como aínda tiñamos un longo percorrido que facer ata o mes de xuño, organizamos polo medio a recuperación do Entroido en Muimenta que non deixa de ser outro Xogo Tradicional no sentido máis amplo da expresión. Celebramos así unha xornada o martes de Entroido na que recreamos unha antiga feira propia da nosa vila alá polo século pasado.

Este entusiasmo que sentimos en Xotramu queremos compartilo con todos e todas vós e por esa razón chegamos tamén ás redes sociais de tanta actualidade hoxe en día para, desde aquí, convidarvos a vivir os recordos que nos traen os xogos tradicionais.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog