PostHeaderIcon A porca







Trátase dun xogo moi estendido, con elementos semellantes ao jockey ou ao golf, deportes popularizados moito despois da existencia da porca (tamén chamada Pino ou Cachona nalgunhas zonas).Foi un xogo infantil, xogado no inverno, mentres se coidaba do gando.

Os elementos do xogo son un pau da porca (caneira, cacheira, moca), feito tradicionalmente de uz, de catro a seis cuartas de lonxitude, e unha bóla (porca, pino), feita de madeira dura e de seis a doce centímetros de diámetro. O campo de xogo ten que ser aberto, con tantos buratos (nichos) como participante haxa, repartidos en circo arredor dun grande burato central (cortello).

O xogo consiste en que o/a porqueiro/a ten que tentar introducir a porca no cortello, mentres o resto tentará afastala canto máis lonxe poida. Se a conseguise introducir, ao berro de: “Hai trocos”, todo o mundo deberá trocar de nicho, momento no que o/a porqueiro/a tentará apoderarse dun destes buratos, ben introducindo a súa moca ben un pé, e deixándolle o seu posto á persoa que ficara sen el. Tamén pode roubarlle o nicho a quen, por saír a atacar ao/á porqueiro/a, deixa abandonado o seu burato.

Pódese xogar á porca de distintas maneiras. Unha delas é aquela na que no principio da partida, o/a porqueiro/a, colocado/a a carón do cortello, bate coa moca na porca, guindándoa o máis lonxe posible. O resto tentará introducir a porca no cortello. Quen o consiga substitúe ao/á porqueiro/a. Outra variante consiste en facer dous equipos de entre 3 e seis persoas con sendos cortellos, que deberán defender evitando que o equipo contrario introduza nel a porca. Gaña o equipo que consegue meter a porca no cortello do equipo contrario o maior número de veces.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog