PostHeaderIcon Birlos ao canteiro







Precisamos dúas ou máis bólas, construídas de madeira dura e de un a tres quilos de peso; son esféricas, duns 15 cm de diámetro. Tamén –cando menos- 7 birlos; éstes terán entre 7 e 10 cm de altura, torneados con unha soa cara de apoio e coa outra en forma de lámpada eléctrica.

O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca a zona de lanzamento (Fite), a liña de 10 m e a liña de 15 m (medidos desde a Lastra).

Interveñen cando menos dúas persoas que xogan enfrontadas, aínda que poden participar catro ou máis, por parellas ou equipos. Colócanse os sete birlos enriba dunha laxe dura (Lastra), que está situada a ras do chan.

Quen lanza ponse no Fite, que está colocado a 3-5 metros da Lastra e arrebola a bóla contra os birlos, tratando de derrubar o maior número posible. A puntuación, a modo sintético, obtense do seguinte xeito:

  • Aqueles birlos que non cheguen á liña de dez obteñen tres puntos cada un.
  • Os que pasen da liña de dez, dez puntos cada un.
  • Os que pasen da liña de quince, quince puntos cada un.
  • Porén, se a bóla non pasa da liña de dez, a persoa que lanzou nin suma nin resta puntos.

A segunda parte consiste no chamado “desquite”, que non é outra cousa que unha tirada desde a liña de 10 cara a lastra onde foron de novo colocados os birlos. Os birlos derrubados nesta tirada realizada do revés valen 3 puntos cada un, mais este lanzamento non se poderá realizar tampouco se a bóla non tivese ultrapasado a liña de 10 m no lanzamento inicial. Cando no lanzamento un xogador non puntúa, e no birle tampouco, o equipo perde a man e o contrario pasa a lanzar de primeiro.

As partidas acórdanse a sesenta puntos normalmente, e gaña a persoa, a parella ou o equipo que antes os acade. Pódese acordar a calquera outro número de puntos ou a un certo número de tiradas.

Actualmente, na Órrea (Riotorto-Lugo) son frecuentes as partidas dominicais, semana tras semana. Birlos e bólas, por outra parte, adoitan gardarse en sacos enterrados na terra, de domingo a domingo, para que non perdan peso.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog