Bolos celta
29.12.10 |
Editar entrada
Tweet
Este tipo de bolos xógase fundamentalmente nos concellos de Nigrán e Gondomar (na comarca do Val Miñor). Tamén se practica en países de América do Sur, como o Uruguay e a Arxentina.
O terreo de xogo debe ser chan e de terra batida. Tén unha zona de lanzamento, nunha pedra de 2 m por 40 cm, que estará elevada 35 cm sobre do chan. A uns 6 m dela estará a pedra boleira (1,20 m por 70 cm), colocada en pendente do 15%, con lixeira caída cara a liña de 10 e á mesma altura que a zona de lanzamento.
Os bolos son 18 e colócanse xuntos, enriba da pedra boleira. Están feitos en madeira, teñen unha altura de 15 cm, rematan en pico e posúen unha base circular de 7 cm de diámetro que estará cortada cun desnivel do 15% (igual ao da pedra boleira). As bólas son de madeira dura (quebracho, normalmente), cun diámetro de 10 cm e un peso arredor dos 900 gr.
A liña de tanteo (raia de 10) sitúase a un radio de 25 m do centro da pedra boleira. A uns 30 m da pedra boleira haberá unha valla de 4-5 m de altura, que servirá para deter os bolos, evitando o seu deterioro. Pódese xogar individualmente, en parellas ou por equipos (estes de 4 persoas).
O obxectivo do xogo é lanzar a bóla contra os bolos para derrubalos e ao mesmo tempo facer que a bóla e o maior número posible de bolos sobrepasen a liña de tanteo. Para puntuar, a bóla sempre deberá sobrepasar a liña de 10. Lánzase a pé parado desde a zona de lanzamento, caendo diante desta unha vez soltado a bóla. Cada bolo que pase a liña de tanteo valerá 10 tantos e o resto dos bolos caídos valerán un tanto cada un.
Os xogos son a 50 tantos e unha partida consta de catro xogos. Cada persoa deberá lanzar tres bólas consecutivas, “plantando” de novo os bolos que se derruban despois de cada lanzamento. Cando fai os tres lanzamentos, entón efectuará o birle (lanzar rodando tres bólas desde un curruncho da liña de tanteo). Neste caso non se plantan os bolos derrubados, a non ser que se derruben todos. Cada bolo do birle vale 1 punto.
XOTRAMU
Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.
Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.
Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.